Syrah[1] (en francés) ou Shiraz (en inglés) é unha caste de uva tinta da familia da Vitis vinifera (videira común) orixinaria de Francia, de pequeno tamaño, forma esférica e pel de grosor medio de cor negra azulada, de cultivo moi estendido e utilizada especialmente no val do Ródano. É moi utilizada na produción de viños. Outros nomes cos que se coñece son candive noir, entournerein, hermitage, hignin noir, petite syrah, plan de la biaune, schiraz, serine, seräne, shiraz, sirac, sirah e syra. É un dato importante saber que o nome de Syrah provén das zonas frías de Francia e a denominación de Shiraz provén das zonas cálidas de Australia.
As uvas syrah teñen unha cor púrpura profunda característica que se reflecte no viño.
A orixe desta cepa está arrodeado de controversias e dúbidas. Unha das hipótese é que provén da cidade persiana de Shiraz, dende onde ben os fenicios ou séculos despois os cruzados teríana levado á Galia. Segundo outros, viría de Siracusa, en Sicilia. Ten unha importante implantación no centro e sur de Francia, o que deu lugar a que se considere que pode ser orixinaria do Ródano, rexión onde se elaboran viños monovarietais con este bago, en particular os de Hermitage.
O viño syrah é un viño amábel e saboroso, de recendo profundo a froitas silvestres e a violetas. A cor é intensa, profunda. En boca adoitan ser viños robustos, estruturados. É ideal para compartilo en reunións combinado con queixos maduros e chacinas fortes, tamén é excelente acompañante para pastas con mollos vermellos e carnes xeralmente adubadas, asadas ou guisadas. O año tamén é unha boa razón para tirar a rolla dun viño Syrah, así como as carnes de porco.
Os Syrah de América acompañan ben as carnes asadas; os syrah europeos, máis escuros e de corpo máis intenso, son ideais para animais de caza coma o veado, o porco bravo e aves. Os mellores viños son Côte-Rotie e Hermitage.